Premio Otero Pedrayo para Antía Cal e María Xosé Queizán

Categoría: Nova

O Premio Otero Pedrayo recoñece, ex aequo, o labor a prol da cultura e a galeguidade da pedagoga Antía Cal e da escritora María Xosé Queizán. O xurado, que o concedeu por unanimidade, reuniuse o pasado xoves ao mediodía no Pazo de Mariñán.
O galardón, creado en 1977 e dotado con 16.000 euros, promóveno a Xunta de Galicia e mais as catro deputacións provinciais cos obxectivos de perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución á cultura e aos valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
O xurado do Premio Ramón Otero Pedrayo, convocado na súa edición 2017 pola Deputación da Coruña, concedeulles, por unanimidade e ex aequo, o galardón a dúas mulleres de ampla contribución á cultura galega e á galeguidade:
Antía Cal (A Habana, 1923), pedagoga, fundou en 1961, canda o seu home, o oftalmólogo galeguista Antón Beiras, o Colexio Rosalía de Castro de Vigo e marcou todo un fito no movemento de renovación pedagóxica de Galicia, xa que este centro se converteu inmediatamente nun foco de irradiación progresista de novas tendencias pedagóxicas e sensibilización galeguista, desde o seu compromiso firme coa formación de xeracións de galegos e galegas. Galaxia publicou en 2015 o seu volume de memorias Este camiño que fixemos xuntos, un libro onde Cal repasa soños, proxectos compartidos, crónica dos amigos, lembranzas felices e momentos duros, mais sempre coa ilusión de quen sabe que o camiño é posible e moi fermoso para facelo cos demais.
María Xosé Queizán (Vigo, 1939), escritora, profesora e activista, iniciou nos anos 50 a ampla traxectoria vital e profesional de compromiso coa lingua e cultura propias que desenvolve ata hoxe nas múltiples vertentes da súa vida e obra: ensino, narrativa, ensaio, poesía, tradución, teatro… que fan dela unha polígrafa da cultura galega. Defensora incansable do papel social da muller e iniciadora do movemento feminista galego, reivindica un feminismo único, racionalista e defensor dos valores de liberdade e igualdade. En Galaxia, ten publicado as pezas teatrais Antígona. A cartaruxeira. Neuras (2008) e as novelas A boneca de Blanco Amor (2014) e A orella no buraco (1965), un libro que trasladou á narrativa galega os postulados do Noveau Roman francés converténdose nun dos títulos de referencia do que se deu en chamar Nova Narrativa Galega.

Compartir na redes sociais: