Por que hai que facer música para nenos e nenas?

Categoría: Opinión



¿Por que hai que facer música para nenos e nenas? Moi boa pregunta!, se o mesmísimo MacGyver buscase una ferramenta para relaxar, espertar, alegrar, ensinar a lingua, e incluso como ferramenta para logopedas, estimular a imaxinación, coordinación etc., non podería atopar unha mellor multiusos ca a música. Todos temos unha banda sonora na nosa vida, e aínda que non nos lembremos nin de títulos ou artistas, cando, xa de adultos escoitamos unha peza, esta transpórtanos á nosa infancia, e incluso nos deixa un sentimento no corpo que evidencia que foi un estímulo.
Para a xente que, coma min, nos gustan os nenos, e que teñen fillos ou sobriños —sobriños no meu caso—, e que toman o tempo preciso para probar a estimulalos coa música, poden ver incluso que tipo de carácter van ter de maiores; por exemplo, meu sobriño de tres anos, ao que adoro, regaleille unha guitarra eléctrica de xoguete, e moitos outros trebellos musicais, aínda que a el o que máis lle gusta é o mentado, cólgama a min e el colle outra guitarriña que, aínda que non sabe tocar, resga con moita ilusión; acto seguido distribúe as percusións ao resto da familia, dámoslle ao playback e montamos a nosa particular orquestra. Non fai falta que vos diga as risas que botamos. Pero se analizamos estes momentos, decatámonos que o neno, neste caso, ocupou o seu tempo nunha dinámica na que el era o director, onde xogaba, onde compartía e interactuaba, e onde queimaba positivamente a súa enerxía, e este punto é moi importante, xa que hoxe en día os nenos ocupan o seu tempo diante da tele ou noutras actividades similares, que, de forma desmesurada, os levan a un estado de ansiedade que, na miña opinión, e moi prexudicial.
Das experiencias propias e alleas coa música infantil e os nenos que fun gardando no meu haber, non atopo unha soa que non proporcione algo positivo, tanto para os nenos como para os maiores, así que a miña recomendación e clara: investir tempo, cos mais cativos, con estímulos musicais e divertidos sempre traerá consigo un gran beneficio.

Compartir na redes sociais: