Pílula cosmopolita

Categoría: Nova

A poeta Lupe Gómez tamén participou en 'Cociñando ao pé da letra' que estes días estamos a presentar por todo o país. Para o libro atreveuse cun 'Pisto Multiétnico e Multicolor'. Deixámosvos as súas verbas aquí para que tamén poidades preparalo.

"O entusiasmo é a luz, existe un mar,
claras horas de auga." (Xohana Torres)

"O pisto"

Facer pisto é un proceso catártico.
Hai que mesturar moitas verduras na tixola. Primeiro botamos
a cenoria, o allo, a cebola. Deixamos que se faga lentamente. Despois
botamos a cabaciña e o pemento e deixámoslle tempo para que os ingredientes pensen nas cousas da vida. Moito máis tarde botamos o tomate.
Tamén podemos engadir bonito, pataca fritida, champiñóns…Trátase de inventar, explorar. Facendo pisto aprendín a ter PACIENCIA LITERARIA.
Mentres cociñas podes facer moitas cousas. Ao pisto gústalle moito
a música de LEONARD COHEN. As cores do pisto son pílulas alucinóxenas.

É un prato con reminiscencias da India. Mentres fago pisto tamén fago xestións por Internet. Consulto o mail. Documéntome na Wikipedia.
Fago entrevistas, poemas, teatro. Creo na arte multidisciplinar: o tomate
lévase ben co pemento. Facer pisto leva, máis ou menos, unha hora.
Nese tempo podes poñer a lavadora, limpar o pó, facer a cama, choscarlle o ollo aos homes guapos do barrio do amor, falar coas veciñas pola ventá, observar o misterio luminoso da catedral, prantar repolos na horta,
entrar no blog "Xeografía con esquinas", imprimir un documento Word,
atender as chamadas de teléfono, mandar mensaxes polo móbil…

Podes facer moitísimas cousas ao mesmo tempo e nunca te cansas de
bailar. A segunda quincena de Xullo vou de vacacións a Ibiza. A primeira semana de agosto vou a Berlín. A finais de agosto irei a Lisboa. En setembro teño prevista unha viaxe a Grecia. O PISTO É COSMOPOLITA.

Lembro un inverno que tiven gripe e Anxos Sumai fíxome crema de
verduras e conseguiu curar a miña tristeza interior.
As cores da comida son como as cores da roupa.

Ámote moitísimo máis se es unha persoa leal.
A parte final da receita é botarlle ovo e remexer cunha culler de pao
para que non se pegue. De postre podes comer un iogur natural
azucrado porque os iogures son alimentos sagrados.
Podes tomar unha sesta e ter unha conversa intelixente cos paxaros.

(No escenario o pisto soña que está na praia tomando o sol.)

Compartir na redes sociais: