Pelerinaxes gañadora no Festival Internacional de Cinema Paisagens de Sever do Vouga

Categoría: Nova

O filme Pelerinaxes de Simone Saibene gañou o premio como Mellor Documental na segunda edición do Festival Internacional de Cinema Paisagens de Sever do Vouga (Portugal).

A longametraxe Pelerinaxes, do director e produtor italo-galego Simone Saibene recibiu onte o máximo galardón na sección documental na segunda edición do Festival Internacional Paisagens de Sever do Vouga, en Portugal.
Pelerinaxes, publicado na nosa colección Libro-Cinema, fai o percorrido que hai 91 anos, no 1927, fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido. Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña. A actriz Carmen Méndez encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido do libro de Otero Pedrayo para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade xunto cun compañeiro. Pelerinaxes se sitúa entre a ficción e o documental, altérnase o percorrido da protagonista con entrevistas a mulleres e homes, figuras do mundo cultural galego. Ademais da actriz Carmen Méndez, o reparto deste filme confórmano tamén os ourensáns Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco. A última, neta de Vicente de Risco, leu en Ortigueira o discurso que en 1927 lle foi negado ao seu avó por ser considerado un ‘home perigoso’ durante a ditadura de Primo de Rivera.
A banda sonora de Pelerinaxes foi composta por, Ruxe-Ruxe, Daniel Minimalia, MCarballo, Elena Domínguez e Miguel Álvarez e gravada integramente en directo.
O filme xa foi gañador en Portugal. Hai un ano recibiu o premio como mellor documental no 21º Avanca International Film Festival, un dos festivais máis lonxevo de Portugal.  Tamén foi finalista na categoría ‘Mellor documental’ aos Premios Mestre Mateo 2017, e participou, entre outros, no CinéFil do Festival Interceltique de Lorient (Francia) 2016, no 14º Indipendent International Film Festival de Daca (Bangladesh) e na VI edición do Primavera do Cine de Vigo. O ano pasado a Editorial Galaxia publicou un libro-dvd do filme. Esta edición, ademáis da película, contén textos críticos de Víctor Freixanes, Simone Saibene, Ángel Suanzes, Valentín Carrera, Pablo Gallego Picard, Marta Gómez, Patricia Arias Chachero, Alberto Allegue, e Isabel Risco, e fotos do making of da longametraxe.

Compartir na redes sociais: