O filme Pelerinaxes, do director italo-galego Simone Saibene, recibiu onte o máximo galardón na sección documental no Avanca Film Festival, un dos festivais máis lonxevos de Portugal. O premio foi ex aequo con Flames de Throwell e Decker, outro filme que xunto co de Saibene impresionou favorablemente o xurado.
Pelerinaxes fai o percorrido que hai 90 anos, no 1927, fixeron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, entre Ourense e Santo André de Teixido. Un camiño que comeza na Praza do Ferro da cidade de As Burgas e que percorre diversos pobos das provincias de Ourense, Lugo e A Coruña. O filme formaba parte da sección de documentais internacionais en concurso do 21º Avanca Film Festival. A Editorial Galaxia publicou o libro-dvd do filme que xa se pode atopar en todas as librerías de Galicia. Esta edición, ademáis da película, contén textos críticos de Víctor Freixanes, Simone Saibene, Ángel Suanzes, Valentín Carrera, Pablo Gallego Picard, Marta Gómez, Patricia Arias Chachero, Alberto Allegue, e Isabel Risco, e fotos do making of da longametraxe dos fotógrafos Iván Fernández e Iago González.
A actriz Carmen Méndez, que estivo presente no festival, encarna a Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisual que percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido do libro de Otero Pedrayo para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade xunto cun compañeiro. Pelerinaxes sitúase entre a ficción e o documental, altérnase o percorrido da protagonista con entrevistas a mulleres e homes, figuras do mundo cultural galego. Ademais da actriz Carmen Méndez, o reparto deste filme confórmano tamén os ourensáns Xoel Yáñez, Alfonso Míguez, Ruth Sabucedo e Isabel Risco. A última, neta de Vicente Risco, leu en Ortigueira o discurso que en 1927 lle foi negado ao seu avó por ser considerado un ‘home perigoso’ durante a ditadura de Primo de Rivera.
O filme xa foi finalista na categoría ‘Mellor documental’ aos Premios Mestre Mateo 2017, representou a Galicia no espazo CinéFil do Festival Interceltique de Lorient (Francia) 2016 e participou, entre outros, no Festival de Cornouaille (Francia), no 14º Indipendent International Film Festival de Daca (Bangladesh) e na VI edición do Primavera do Cine de Vigo.
Tráiler de Pelerinaxes.