Inclúese unha interesante entrevista con Antoni Castells, conseller de Economía e Finanzas da Generalitat de Cataluña e presidente da parte catalá da Comisión Mixta de Asuntos Económicos e Fiscais, sobre a realidade do financiamento autonómico en España. Alberto Meixide conversa con quen hoxe é unha autoridade en facenda autonómica e local, cunha obra abondo recoñecida ao respecto.
O número aborda unha cuestión de especial interese e actualidade: a posible reforma do sistema de financiamento autonómico do Estado español, compromiso anunciado ao principio da presente lexislatura e que se prevía entrase en vigor contra o ano 2009. As recentes reformas dos Estatutos de Autonomía de Cataluña, Andalucía e outros, así como os debates que no seu momento xerou a reforma adiada do Estatuto de Galicia, plantean a cuestión abertamente: sen diñeiros de pouco serven os discursos. A autonomía política implica necesariamente autonomía económica.
O profesor Sánchez Maldonado, catedrático de Facenda Pública da universidade de Málaga, define a autonomía financeira como "a capacidade dun goberno autónomo para, a través das súas propias decisións, configurar tanto a contía como a composición das súas fontes de financiamento", o que equivale -segundo explica Víctor F. Freixanes na súa Carta do Editor- "a falar de capacidade para acadar recursos propios, incorporar recursos alleos, administralos, xestionalos, orientalos estratrexicamente e poñelos a producir".
Nunha primeira fase, o goberno central financiou os procesos autonómicos. Posteriormente, establecéronse unha serie de acordos que na actualidade parece necesario revisar, sometidos moitas veces ás tensións políticas dun modelo asimétrico que non sempre satisface ás partes. Neste número de GRIAL pásase revista ao proceso histórico do financiamento das autonomías e mais ás contradicións que o modelo presenta na actualidade, enfrontado a un dilema non sempre conciliable: autonomía das partes e solidariedade entre elas.
Participan neste número profesores representantes de distintas universidades e autonomías españolas: Ángel de la Fuente e María Gundín, Núria Bosch, Santiago Lago Peñas, Diego Martínez López, ademais do citado Sánchez Maldonado e dos coordinadores: Alberto Meixide e Álvarez Corbacho, quen repasa as distintas posicións dos grupos políticos presente no arco parlamentario galego: PP, PsdeG-PSOE e BNG.