Paco Martín, pioneiro

Categoría: Nova

Na pasada edición do Festigal, a Editorial Galaxia celebrou un acto arredor de Ramón Lamote, o entrañable personaxe creado por Paco Martín.
De seguido, reproducimos as palabras de Xavier Senín, toda unha homenaxe ao labor pioneiro que, para a Literatura Infantil e Xuvenil galega, desenvolveu Paco Martín.

——————————————————

Ramón Lamote abre as portas do mundo aos autores e autoras galegos

Quero comezar esta intervención recordando a varias persoas que tiveron que ver naquel premio Barco de vapor que se convocaba por primeira vez en galego. O día da reunión do xurado fun recoller a Carlos Casares e a don Francisco Fernández del Riego, para irmos xuntos a Santiago. Canda min, sentada na súa cadeira, como faciamos adoito, viaxaba a miña filla Támara que ía quedar cas miña nai. Onda a cativa sentárase Carlos e ao meu carón ía don Paco.
Carlos fíxolle algunhas garatuxas á nena coa que xa viaxara outras veces, logo púxose a ler uns folios e comezou a sorrir polo baixo. Ao cabo dun momento, comezou a lerlle fragmentos a don Paco que tamén sorría e non facía máis que asegurar entusiasmado: "Que bo é isto!" Así foron todo o camiño. Aquela mañá tivemos unha reunión relacionada con cuestións editoriais que agora non son do caso. Ao remate comemos os tres no Estradense con Ramón Piñeiro, e Carlos pasou a comida a ler primeiro anacos e logo capítulos enteiros daquela obra. Recordo canto gozou don Ramón coa carreira de nubes e cos marmolubios, os premios para os gañadores da carreira que lle pareceron unha idea moi lograda. A don Paco gustáralle moito a escena da escaleira. A cousa rematou en que o Carlos comezou a repartir capítulos entre os outros dous que gozaron dun fermoso momento de lectura co café. Os tres concordaban en que o autor daquel orixinal era un escritor con oficio e, sobre todo, conseguira captar de maneira xenial o humor galego como o definía Celestino Fernández de la Vega en O segredo do humor. Fixéronse cábalas sobre a identidade do escritor, pero ninguén deu no cravo. Só cando logo do fallo se descubriu que o autor de Das cousas de Ramón Lamote era Paco Martín, Carlos Casares comentou que en realidade aquela maneira de escribir xa estaba noutro libro publicado polo autor anos antes, Muxicas no espello.
Pero o que me parece máis salientable do que se falou naquela comida foi a reacción de Ramón Piñeiro, do propio Casares e de don Paco. Todos tres estaban firmemente convencidos de que aquela obra marcaría un fito na literatura galega e sentíanse moi felices de que se iniciase un novo camiño na literatura para os nosos nenos e nenas, algo que sentían como fundamental para acadar a verdadeira normalización lingüística do país. Pensaban, ademais, na repercusión que o libro podería ter fóra de Galicia unha vez traducido. Daríalle un prestixio á nosa literatura que daquela pasaba completamente desapercibida ou case. A ninguén se lle pasaba pola cabeza que un ano despois sería o primeiro Premio Nacional de Literatura das nosas letras e que, no que respecta á literatura infantil e xuvenil, acadarían logo tres escritores máis, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey e, nesta última edición, Agustín Fernández Paz.
Os tres persoeiros aos que antes me refería deron por suposto que Das cousas de Ramón Lamote podía ser unha magnífica carta de presentación da literatura de noso posto que reunía todas as características que a facían identificable como galega: a lingua, o humor de noso e un escenario claramente galego, ben distante do ruralismo que ata daquela parecía formar parte intrínseca das nosas letras. Estaban seguros de que sería axiña traducida ao castelán o cal iniciaría unha serie de traducións que prestixiarían o noso sistema literario non só fóra de Galicia, que parece o lóxico, senón mesmo dentro. E iso último porque as traducións a outras linguas de obras nosas serían a demostración de que o que se viña publicando en galego non era refugallo senón que podería competir en pé de igualdade coas creacións xurdidas nas linguas oficiais doutros lugares.
O primeiro libro que se traduciu data de 1967: ¿Cómo es de rico el mar? de Xohana Torres. Máis adiante, en 1972, Xosé Neira Vilas con Espantajo amigo e Espantall amic e en 1974 con Memorias de un niño campesino. Logo vén, xaora, Manuel María: Os sonhos na gaiola (1977). Mª Victoria Moreno, Helena Villar e Xesús Pisón tamén son dos primeiros autores traducidos. Pero o verdadeiro despegue pola resonancia que supuxo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi a tradución ao castelán do libro Cosas de Ramón Lamote, da man de Ánxela Franco. As empresas editoras noutras linguas axiña se decataron da potencialidade de moitos dos nosos creadores e creadoras e hoxe a lista dos que ven as súas obras traducidas faise longa e raro é o escritor ou escritora que non se traduce
Unha lingua de cultura ten que ter a capacidade de poder acoller obras escritas orixinariamente en linguas distintas co fin de poñer ao alcance das persoas que a falan as producións doutras culturas. O galego está demostrando que pode resistir con dignidade tanto as versións de obras de autores clásicos coma as dos escritores contemporáneos. Asemade, un sistema literario normalizado debe poder ofrecer creacións que posúan a calidade suficiente para que outras culturas se vexan chamadas a vertelas aos seus sistemas lingüísticos poñéndoas deste xeito ao alcance dos seus lectores. Camiño de ida e volta, a tradución é unha ferramenta que permite dar e ao mesmo tempo recibir, unha conexión de intercambio permanente entre as persoas de distintas culturas.
É xusto deixar constancia do agradecemento que debemos ao traballo de tantos escritores e escritoras que desde Paco Martín, Manuel María ou o propio Carlos Casares foron quen de espallar a nosa literatura escrita na nosa lingua natural para ser logo trasladada a outros idiomas, nun proceso que, se non está normalizado de todo, vai camiño de estalo. Concretámolo especialmente en Paco por nos marcar o camiño, pois estou seguro de que sen el, sen ese debuxante de soños por encarga que el ideou e ao que Xan Balboa puxo imaxe, non poderiamos ter acadado a situación de privilexio que aqueles tres persoeiros dos que falaba ao comezar esta intervención, non chegaron sequera a soñar cando tiveron por primeira vez o Lamote nas súas mans ou polo menos nun prazo tan curto de tempo. Dos tres, don Paco del Riego segue a ser testemuña gozosa da situación de privilexio da nosa literatura para os máis cativos ao que el contribuíu tamén de maneira importante desde distintos ámbitos. Que sexa por moitos anos.
Pasados 25 anos, Ramón Lamote volve xubilado.
Un día recuperábame eu no Hospital dunha operación e trouxéronme unha carta un pouco especial: "É dun tal Ramón Lamote. Pero ese non é o personaxe de Paco Martín?" –dixéronme. Abrina. Don Ramón agradecíame ter participado na celebración da aparición de Das cousas de Ramón Lamote. Mesmo pensei en contestala, pero o sobre non traía enderezo ningún que acompañase o nome do remitente. É ben sabido dos lectores que o debuxante de soños por encarga vive nalgunha rúa de Lugo. Pensei en pórme en contacto co rexedor da cidade en vista de que Paco leva tan en segredo onde mora o seu protagonista. Ao fin decidín desbotar esa idea por parva e, sabedor de que o Lamote le a prensa, publiquei unha carta. Nela contaba que fora visitar a unha amiga enferma, unha gran lectora, á que lle levei un Lamote e un Quixote do século XVIII que atopei na libraría do Moucho na Cidade Vella da Coruña. Atopeina tan enferma que escribín: "Estimado don Ramón: resulta que teño unha amiga que está a pasar por moi malos momentos e precisaba que lle debuxase uns soños fermosos, se non fose moito pedir. Chámase Inma e élle moi boa xente." Antes do mes morreu Inma. O último libro que leu completo foi Das cousas de Ramón Lamote e teño a seguridade de que algo lle aliviaría nas súas horas de dor.
Era un día frío de febreiro e catro meses despois recibo un correo no que o lucense me anuncia que anda a voltas coas novas cousas de Ramón Lamote. Aledeime moito porque eu, coma outra moita xente e non só os que daquela eran uns mozotes, quedaramos con ganas de saber que fora do protagonista en todos estes anos.
Aínda que estamos perante unha continuación do libro que lle deu merecida sona ao Paco, a lectura desta segunda entrega non supón o coñecemento da primeira, por máis que haxa non poucas referencias e elementos que as unen. Don Ramón segue a debuxar un longo soño de lugares imaxinarios para unha rapaza inmigrante dalgún país africano ou para alguén que coma a miña amiga Inma está doente.
Non sei se acreditastes no que dicía hai uns minutos, pero eu recibín unha carta do propio Ramón Lamote.

Compartir na redes sociais: