Pablo Díaz actúa na SEMANA DA MÚSICA DA FEIRA DO LIBRO DE VIGO

Categoría: Nova

Toda a semana, dende o luns ata o domingo, ás sete da tarde, os autores de música infantil máis sobranceiros do noso país actúan na Alameda viguesa dentro da Semana da Música Infantil que produce a Editorial Galaxia. O luns é tempo para Víctor Castro quen leva aos escenarios a obra de Akiko Ishihara O MEU MARABILLOSO SOMBREIRO, publicado por Cumio.
Cóllelle o relevo o martes Pablo Díaz, para encher o escenario coas músicas festeiras e pegadizas do seu TOC TOC que a Editorial Galaxia publicou na súa colección Sonárbore, un libro-disco de grande éxito que tivo que reeditarse en pouco menos de seis meses.
Os que se acheguen a escoitar este concerto, baseado no mesmo título do libro-disco, ilustrado por Nuria Díaz, gozarán dun feixe de temas optimistas e con ritmo. Canda ao que dá título ao volume, tamén hai cancións dedicadas ao Apalpador, á defensa do medio ambiente ou ao coidado dos animais, todo elo con ritmos alegres e grandes doses de fantasía. Pablo Díaz conta cunha espectacular banda de apoio que tocarán para todas as nenas e os nenos que ás sete da tarde do martes queiran achegarse pola Feira do Libro, instrumentos como a gaita, guitarras, acordeón e percusións.

Compartir na redes sociais: