Outono de traducións

Categoría: Nova

Entre as novidades figura Camposanto, libro póstumo do escritor alemán W. G. Sebald, un dos autores máis prestixiosos da literatura alemana contemporánea, falecido en accidente de coche no ano 2001. Ademais, dentro da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, anúncianse 3 novidades: O castelo branco, primeira novela do Premio Nobel Orhan Pamuk traducida para o galego, A pista de area, o novo caso do comisario Montalbano que Andrea Camilleri acaba de publicar esta primavera en Italia e que chega aos lectores e lectoras galegos con adianto respecto do resto das linguas do mundo, e O retorno, de Bernhard Schlink, a nova novela do autor de O lector, obra coa que obtivera un dos grandes éxitos literarios dos últimos anos.

Desde os seu inicio en 2003 coa publicación en galego antes ca en castelán de Un nome de dicionario, da escritora francesa Amélie Nothomb, Editorial Galaxia mantén unha política de traducións para o galego das novidades literarias internacionais seguindo un ritmo de lanzamentos polo de agora único en Galicia e que se mantén fiel á súa premisa fundamental: entregar aos lectores e ás lectoras galegas as novidades literarias ao mesmo tempo que se publican no resto das linguas europeas.

Por outra banda, dentro da colección Clásicos Universais, Editorial Galaxia anuncia a publicación de Tres contos, de Gustave Flaubert, e As mágoas do mozo Werther, de Johann Wofgang Goethe, aos que vai seguir a publicación en decembro, dentro da mesma colección, de O ruído e a furia, de William Faulkner, unha das novelas máis influentes da literatura norteamericana do século XX, que sairá publicada xunto con O viaxeiro astral, de Jack London, novela carceraria que inspirou Bretaña, Esmeraldina de X. L. Méndez Ferrín.

Despois da publicación das tres últimas obras de Paul Auster, e da incorporación ao galego de autores como Antonio Tabucchi, Unai Elorriaga, Martin Amis, Andrea Camilleri, Simonetta Agnello-Hornby (Premio Novela Europea 2004 do Casino de Santiago con A Mennulara), Anna Gavalda (Premio Novela Europea 2005 con Xuntos e máis nada), Kazuo Ishiguro (Premio Novela Europea 2006 con Non me deixes nunca) e Jean-Philippe Toussaint, e logo da descuberta que supuxo a publicación de A medición do mundo, do escritor alemán Daniel Kehlmann, Editorial
Galaxia anuncia a publicación en 2008 de O caderno dourado, obra mestra de Doris Lessing, Premio Nobel de Literatura 2008, de Da beleza, de Zadie Smith (Premio Novela Europea 2007) e da nova novela de Haruki Murakami, After Dark.

Compartir na redes sociais: