Os amigos de Mar Maior en Bruxelas

Categoría: Nova

"En tempo de crise, cómpre abrir espazos. Mar Maior é unha experiencia nova, coa que queremos lazar a cultura galega alén das nosas fronteiras. Bruxelas e Buenos Aires son as nosas primeiras referencias de proxección exterior: Europa e América".
Con estas palabras, o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F Freixanes, presentou no Instituto Cervantes da capital europea o novo proxecto da editora galega. Galicia como marca de identidade, para dialogar coas culturas todas do mundo, moi especialmente alí onde existe a rede social dos galegos. A Biblioteca Alvaro Cunqueiro, con catro títulos que o autor de Mondoñedo publicou no seu día en casteán, e a recuperación de clásicos e contemporáneos: Ramón Vllares, Emiia Pardo Bazán, Xulia Alonso, Begoña Caamaño e Antón Riveiro Coello son os primeiros títulos, que o próximo 22 de outubro se presentarán tamén na Casa del Lector, en Madrid, e ao mesmo tempo na cidade de Buenos Aires, onde Editorial Galaxia vén de constituir filial propia: Mar Maior-Editorial Galaxia S.A.
Acompañaron ao director de Galaxia o escritor Xavier Alcalá e a directora do Instituto Cervantes en Bruxelas, a galega María González Encinar, que fixo de anfitriona. Case un cento de amigos da editorial, moitos deles funcionarios e autoridades na Unión Europea, asistiron ao acto, no que tamén tiveron representación as librerías Punto y Coma, especializada en hispanismo, e Orfeu, especializada en lusofonía. A "fotografía de famiia" dá conta dos asistentes, ao pé dunha reprodución da fotografía histórica dos fundadores de Galaxia en 1950 (Santiago de Compostela).

Ampliación de capital

Para finanzar o proxecto, certamente ambicioso, pois inclúe unha Plataforma Dixital que estará activa nos primeiros meses do ano 2015, Editorial Galaxia vén de lanzar unha ampliación de capital, en paquetes de 18 accions (1008 euros cada un) que está sendo subscrita por amigos e simpatizantes dentro e fóra de Galicia.
A Plataforma Dixital (en construción) pretende ofrecer ao público mundial a creación de autores e autoras galegos, en formato electrónico e en soporte papel, tanto en lingua galega como noutros idiomas, empezando polo castelán e o portugués.
Para o ano 2016 está previata a creación da filial en Brasil e a presentación dos primeiros títulos: "Merlín e familia" de Álvaro Cunqueiro, "Historia de Galicia" de Ramón Villares, "Circe o el placer azul" de Begoña Caamaño e "Brasil" de Xavier Rodríguez Baixeras. En Buenos Aires, ademais dos xa citados, sairá "Huinca Loo", novela de Xavier Alcalá, e un libro singular de María Rosa Lojo e Leonor Beuter, autoras de ascendencia galega na Arxentina.
(no noso blogue deixamos crónica fotográfica do acto)

Compartir na redes sociais: