Esta semana chegará ás librerías do país o novo libro-CD-DVD de Mamá Cabra, 'Bicos de música', terceiro traballo en Galaxia, acompañado dun DVD no que participaron Televisión de Galicia e Pórtico Audiovisuales que permitirá acompañar ao grupo ao longo dun día, dende o instante no que se xuntan para ensaiar, moi de mañá, ata que chega a noite e hai que buscar os "bicos de música" que axuden a chamar polo sono.
Polo medio, unha sucesión de situacións cómicas que nos permitirán descobrir aos membros de Mamá Cabra nun novo papel de actores e actrices e que van sorprendernos novamente.
As cancións, máis logradas ca nunca, volven sobre as tonadas pegadizas e as coreografías divertidas que van engaiolar a pequenos e non tan pequenos. Cancións para aprender a andar pola rúa nos pasos de peóns, para comer con sentidiño ou para gozar da primavera e o resto das estacións do ano.
Os primeiros que xa puideron adquirir o libro nalgunhas tendas o pasado venres, xa saben o moito que enganchan estes novos dez bicos de música.
A imaxe que aquí deixamos é un collage que nos deixa claro o ambiente de festa que se viviu durante a gravación do audiovisual.