O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013 distingue a Luz Pozo Garza

Categoría: Nova

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, determinou na reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os oito premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do seu labor nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua, modalidade esta última que se incorpora por vez primeira na edición de 2013.
Os gañadores deste ano foron Luz Pozo Garza na categoría das Letras; a Fundación Granell na modalidade das Artes Plásticas; a Asociación Culutral Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia na Artes Escénicas; o Castro de Viladonga en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires en Proxección Exterior; Juan Durán en Música; Bambú Producciones no apartado de Creación Audiovisual; e a Asociación PuntoGal en Lingua.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do noso capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha serigrafía do pintor Alejandro González Cruz ‘Alexandro’.
Traxectorias premiadas
Na categoría de premio Cultura Galega das Letras o galardón recaeu en Luz Pozo Garza, a quen se lle recoñeceu o seu intenso labor literario. Membro numerario da Real Academia Galega desde 1996, o seu labor editorial comezou coa revista Nordés e foi colaboradora habitual de revistas nacionais estranxeiras. A súa traxectoria literaria, que abrangue poemarios como O paxaro na boca (1952), Códice Calixtino (1986), Prometo a flor de Loto ou Memoria Solar, fíxoa merecedora de diversos galardóns.
Na categoría de Artes Escénicas resultou gañadora a Asociación Cultural Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). A MIT, inicialmente mostra de Ribadavia, constituíu o principal catalizador da refundación da escena galega na década dos anos 70 do pasado século. Nacida en 1973 da man da Asociación Cultural Abrente, agrupación de mozos preocupados pola recuperación cultural e lingüística de Galicia, a mostra de teatro foi adquirindo edición tras edición unha maior envergadura ata se converter na cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados do teatro galego.
O premio de Promoción Exterior recaeu no Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, onde a formación primaria e secundaria se complementa cos estudos de lingua e cultura galegas. En 1998 inicia as súas actividades grazas ao apoio da Xunta de Galicia e ao tesón da comunidade de galegos. Hoxe, o Colexio Santiago Apóstol é un referente educativo na cidade de Bos Aires e constitúe un exemplo de conservación e promoción na diáspora iberoamericana dos sinais de identidade da Galicia espallada.
Hai unhas semanas estiveron de visita, entre outros lugares do noso país, na Editorial Galaxia como lembramos na ligazón á dereita destas liñas.
O xurado
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Xesús Vázquez, presidiu o xurado da edición 2013 dos premios, nos que houbo un total de 51 candidaturas, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Francisco Díaz- Fierros Viqueira e Ramón Durán Villa en representación do presidente do Consello da Cultura Galega e do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, respectivamente. Así como Henrique Monteagudo e Ramón Yzquierdo Perrín en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, respectivamente.
Completaron o xurado catro persoas de prestixio no ámbito cultural como o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago, Darío VIllanueva Prieto; a crítica de arte, Fátima Otero Bouza; a catedrática de Historia da Arte da Universidade de Vigo, Victoria Carballo-Calero Ramos, e o actor de dobraxe Antonio Mourelos Vázquez

Compartir na redes sociais: