O VI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro dobra a súa dotación

Categoría: Nova

Un xurado constituido por persoas cualificadas do mundo da cultura, a comunicación e o pensamento elixirá no mes de decembro o VI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que convoca a Editorial Galaxia en colaboración con Unión Fenosa.

Na presentación de O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, de Rebeca Baceiredo, que tivo lugar recentemente nas instalacións do MACUF da Coruña, o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o delegado en Galicia de Unión Fenosa, Luís Díaz, anunciaron o aumento da dotación a 6.000 euros, o dobre do que ata agora viña sendo. Trátase dun dos Premios da especialidade económicamente mellor dotados no ámbito das letras galegas.

Manuel Outeiriño e David Barro, profesores de comunicación e de estética respectivamente, glosaron na Coruña as excelencias do libro de Rebeca Baceiredo, unha nova voz dentro do pensamento e a expresión literaria. No último número da revista GRIAL (171) recollemos unha mostra da esixencia poética e a orixinalidade expresiva desta autora, descuberta o ano pasado na convocatoria do Premio de Ensaio.

Desde a súa primeira convocatoria o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro vén configurando unha nómina valiosa de autores e textos: Basilio Lourenço (A submisión das masas), Anxo Rei Ballesteros (Tempo e vinganza), X.L. Barreiro Rivas (A terra quere pobo), Teresa Moure (Outro idioma é posible) e Rebeca Baceiredo (O suxeito posmoderno).

O Premio de Ensaio Ramón Piñeiro naceu coma un estímulo á creación e á reflexión, madurez da prosa en lingua galega e capacidade para pensar o mundo (incluída a propia Galicia) desde a contemporaneidade. O ensaio foi un dos xéneros que cualificou historicamente o denominado Grupo Galaxia nos anos 50 e 60, do que forman parte autores como Celestino Fernández de la Vega, Francisco Fernández del Riego, Rof Carballo, Domingo García-Sabell ou o propio Ramón Piñeiro.

Compartir na redes sociais: