A esmorga, filme producido por Vía Láctea Filmes e Editorial Galaxia, estará presente nesta edición da Feira do Viño de Valdeorras, que ten lugar no Barco de Valdeorras esta próxima fin de semana, 12 e 13 de xullo.
A película atópase nestes momentos en periodo de postprodución, e estrearase a final de ano. A esmorga rodouse nas provincias de Ourense e Lugo e a súa fase de montaxe está a desenvolverse en Petín de Valdeorras.
O director, o petinés Ignacio Vilar, e un dos protagonistas, o prestixioso actor galego Antonio Durán "Morris", viaxarán a Valdeorras para asistir ao evento dende a apertura do recinto ás 12:00h.
O sábado 12 ás 19:00h, no Teatro Lauro Olmo e coa presenza de director e actor protagonista, proxectaranse o tráiler e o documental da rodaxe, e os asistentes poderán conversar con Ignacio Vilar e Antonio Durán "Morris" arredor deste filme, baseado na gran novela do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor e que se prevé sexa a gran estrea de cinema galego deste ano 2014.