Mar Maior é un proxecto da editorial Galaxia que onte foi presentado na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas. Un proxecto moi ambicioso que, sen complexos, tenta poñer aos autores de nós, clásicos e contemporáneos, no mercado global.
Títulos como a 'Historia de Galicia' de Ramón Villares, 'Cuentos para las Américas' de Emilia Pardo Bazán serán algúns dos primeiros libros nun catálogo que quere pelexar en pé de igualdade nas librerías de todo o mundo con estes e outros autores e autoras coma Begoña Caamaño ou Álvaro Cunqueiro, nunha feliz mestura de clásicos e contemporáneos. Ese é o camiño necesario, ou un deles, se o que quere a nosa cultura é poder sobrevivir.
O director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, resaltou na presentación á que asistiron o tamén escritor Xavier Alcalá e a directora do centro literario, María A. González Encinar, o carácter aberto co que nace a editorial e a súa vocación de querer competir con outras linguas, levando Galicia e o discurso galego a distintas linguas.
Sen dúbida, o inicio dunha aventura feliz, consorte ao espírito dos fundadores que, no ano 1950, entenderon que había que poñer a cultura galega no mundo.