O Pedrón de Ouro para Nova Escola Galega

Categoría: Nova

O Pergameo de Honra, que anualmente concede a Fundación Pedrón de Ouro, foi para o pintor e grabador ourensán, residente dende hai anos en Madrid, Enrique Ortiz. O Pedrón de Ouro, máximo galardón, para a asociación Nova Escola Galega, creada en 1983, que segue activa, presidida pola profesora Mariló Candedo, quen recolleu o galardón e o diploma.
No próximo número da revista GRIAL recolleremos as palabras de Mariló Candedo. Nesta nota limitámonos a salientar a calor humana, o afecto e o recoñecemento das numerosas persoas que se achegaron á casa de Rosalía de Castro, en Padrón, para amosar o seu agarimo aos homenaxeados.
Fina Casalderrey, escritora e profesora, que segundo as súas propias palabras "estrea xubilación", encargouse da laudatio. Tivo unha lembranza especial para Avelino Pousa Antelo, presidente de honor da institución, que por razóns de idade non podía acompañarnos, e glosou emocionadamente a significación daquelas novas xeracións de mestres e mestras que poñían a andar un proxecto ilusionante, integrador, "que nos descubría unha nova realidade de nós mesmos".
Na súa intervención, a presidenta de Nova Escola Galega reafirmou os principios que hai 27 anos inspiraron a creación do colectivo docente: "traballar por unha escola pública, aberta, democrática, laica, afirmada na identidade galega e no seu patrimonio fundamental: o idioma do país e o coñecemento da súa historia, da súa realidade social, coa certeza de que o futuro está na sementeira das novas xeracións. Son obxectivos que, na realidade que estamos a vivir, seguen plenamente vixentes".
Víctor F. Freixanes publicou onte en La Voz de Galicia un artigo sobre a Nova Escola Galega, que podedes ler aquí.

Compartir na redes sociais: