O neno inverno é o novo libro da escritora María Canosa que, a través dos 18 capítulos curtos, nos conta a historia de Alberte. Sobre esta historia de afectos, de amizade, de igualdade escribe Alba Piñeiro en Versos e aloumiños, o blog de Antonio García Teijeiro.
“é a historia dun neno albino que está acostumado a ser diferente e de que isto provoque a mofa por parte dalgún compañeiro. Alberte, que así se chama o protagonista, é consciente das súas limitacións físicas e do especial coidado que debe pór en cada acción pois é extremadamente sensible a determinados axentes climatolóxicos, sobre todo a calor, por iso adora o inverno. Sabedor de todo isto atopa refuxio na biblioteca onde goza da tranquilidade, do silencio e da maxia da palabra escrita, ademais de saciar a súa curiosidade á vez que a ansia por aprender”, describe Alba Piñeiro.
Na recensión dise que María Canosa se vale dunha prosa clara, directa, chea de agarimo para tratar temos fundamentais para construír unha sociedade mellor.