O enigma está no espello

Categoría: Nova

"Cada cadro ten o seu enigma. Detrás de cada obra de arte hai un misterio. O cadro de Jan van Eyck ofrécenos a oportunidade de dialogar coa cultura e a creación universal". Neira Cruz e David Soler presentaron na galería Sargadelos de Ferrol o libro Jan estivo alí, que inaugura a colección Árbore Arte.

Elixiuse Ferrol por ser o lugar de nacemento e residencia de David Soler, ilustrador do libro, quen recreou coidadosamente o cadro O matrimonio Arnolfini, pintado por Jan van Eyck en 1434 e sobre o que os dous autores galegos constrúen o relato. "Foi unha experiencia marabillosa e impagable, poder traballar a catro mans", explicou Soler na presentación.

Neira Cruz falou das diversas interpretacións que ao longo da historia tivo sempre o cadro de van Eyck, dende os que o consideran unha ceremonia íntima de matrimonio ata os que ven outro tipo de relacións, incluído o suposto matrimonio do propio pintor. "Nós facemos a nosa proposta particular, que neste caso inclúe ao fillo de van Eyck, outro Jan, que tamén estaba alí".

A colección Árbore Arte, que se publica co clásico formato de álbum ilustrado, intenta establecer un diálogo entre creadores, históricos e contemporáneos, clásicos e do noso tempo, combinando distintas expresións artísticas, nesta ocasión a mirada dende Galicia á pintura flamenga do século XIV, creación compartida entre a literatura e as artes plásticas, con seiscentos anos polo medio.

Compartir na redes sociais: