Dende as terras afastadas do Uruguai, o libreiro Manuel Losa, autor de 'Catro historias de emigrantes', fainos chegar unhas fotos do que el chama 'O curruncho galego', ou o que é o mesmo, un espazo, na súa librería, dedicado á literatura galega.
No noso blog ofrecemos outras fotos máis para completar esta paisaxe visual fermosa e emocionante.
A estas alturas da historia xa non é preciso explicar a importancia que o labor dos emigrantes galegos desenvolveu, en tempos ben complexos para a nosa cultura, na defensa dos intereses de Galicia, así como no apoio constante, dende padroados, fundacións e editoriais, á intelectualidade galega exiliada.
Anos despois, e superadas esas décadas escuras, o facho de Galicia e da súa produción editorial permanece aceso, e esperanzado, en moitos recunchos galegos, coma este que hoxe celebramos aquí, e polo que nos sentimos agradecidos e ilusionados.