O cráter cultural

Categoría: Opinión

Visito con certa asiduidade a Cidade da Cultura. Interésanme algúns dos eventos que se programan alí, e teño desfrutado paseando entre o conxunto de edificios construídos ata o de agora. Pero que me gusten os edificios e que desfrute paseando entre eles, non ten que ver coa miña consideración desta obra como unha das máis disparatadas da historia de Galicia.Do mesmo xeito pasa cando vou a algún dos actos programados. Aínda que me gusten algúns, a Cidade da Cultura compite coa súa programación, cun aforo de pouco mais de dúascentas persoas, con pequenas salas alternativas o cal me parece un nefasto e ata cutre-efecto contraprogramador.

A maiores, parece que o lugar para programalas podería ser calquera menos a Cidade da Cultura. Para entendelo mellor, non hai ningunha actividade que se programe alí que non poida facerse noutros sitios. Dito doutro xeito, especifidade cero.

Nos últimos tempos os edificios pasaron para min a un segundo plano e decanteime por outro lugar favorito no Gaiás. Na miña última visita gocei moito contemplando a descuberta dun novo espazo. A paralización da construción dun dos edificios, fixo que no medio quede un enorme burato, un enorme cráter que a xente pode observar apoiada no valado metálico que o protexe. Contemplando ese cráter, un pensa que ese é o gran burato negro que está a engulir a cultura do país, un burato negro que engule millóns de euros sen remedio canto mais se excava en el. Mentres, as asociacións culturais do país, as que apalpan a cultura coas mans, as que aloumiñan a cultura facendo moito con moi pouco, ven como este ano non terán ningún tipo de axuda porque a Xunta decidiu suprimilas.

Creo que vou deixar de ir por alí. Porque non teño espírito de vulcanólogo e non me apetece moito asomarme ao cráter, e porque creo que solta gases tóxicos que van provocar pouco a pouco a asfixia cultural. E creo que non hai ninguén disposto a subvencionar mascarillas que intenten paliar esa asfixia. Ese cráter é como unha metáfora do futuro cultural do país: un burato moi negro.

Compartir na redes sociais: