O catálogo de Galaxia en Google

Categoría: Nova

Dende que Editorial Galaxia asinou co buscador de Google Books un acordo para presentar o libro galego nos escaparates da rede, o interese polas publicacións na nosa lingua en todas partes do mundo non deixou de crecer. Trátase de acceder aos autores e autoras de Galaxia, e mais ao seu fondo histórico, do mesmo xeito que se consulta o libro nas librerías: título e autor, xénero, cuberta, índice, e un 20 % dos seus contidos, non sempre seguidos, para que o interesado poida facerse unha idea dos contritos e, se o desexa, poder adquirilos a través da rede de librerías ou da nosa distribuidora.

O pasado mes de maio, logo dalgúns meses de menor actividade, como se pode ver no gráfico que reproducimos, as consultas aos catálogos de Editorial Galaxia en Google Books volveron subir espectacularmente: 31.021 accesos, cun crecemento do 13% respecto do mes anterior, e 243 clics de compra.

Os cinco libros máis visitados polos internautas nese mes foron: o Dicionario Enciclopédico (Diciopedia), o Diccionario Normativo da Lingua Galega, "La cocina gallega" de Álvaro Cunqueiro (na edición en castelán que fixemos en Detrás de la Niebla/Monterrey), "Harry Potter e as reliquias da morte" de J.K. Rowling, e "As flores do mal" de Charles Baudelaire en tradución ao galego de Gonzalo Navaza (Clásicos Universais).

Compartir na redes sociais: