As novidades de Galaxia entre os máis vendidos no Taboleiro do libro galego

Categoría: Nova

Algúns dos últimos títulos publicados pola Editorial Galaxia enchen estes días a lista dos máis vendidos no Taboleiro do libro galego que mes a mes elabora o crítico Ramón Nicolás.
Na sección de narrativa, Ana Cabaleiro arrasa coa súa estrea literaria, Sapos e sereas, un monllo de relatos que rompen cos esquemas preconcibidos e loitan pola igualdade. Séguelle  A ferida do vento, a última e exitosa novela dun clásico contemporáneo, Antón Riveiro Coello, que continúa gañando lectores desde que vise a luz no mes de decembro, e que rende xusta homenaxe a Carlos Casares, autor protagonista destas Letras Galegas de 2017.
Tamén os lectores quixeron achegarse nestes últimos meses á novidosa e necesaria biografía de Rosalía de Castro que asina a profesora María Xesús Lama, Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), que encabeza a listaxe dos máis vendidos no Ensaio. Un libro de obrigada referencia para entender mellor a vida e traxectoria da autora de Follas novas.
María Solar e Os nenos da varíola son os preferidos no territorio da literatura xuvenil: o extraordinario relato dunha xesta histórica que segue sumando adeptos. E xa na sección dos Libros CD-DVD, atopamos unha vez máis Aire, de María Fumaça, un dos grandes éxitos entre os máis pequenos desde que chegase ás librarías o pasado 2016.
Tamén nas listas, de estrea, ou xa entre os habituais, atopamos Todo cantos fomos de Xosé Monteagudo, Aqueles días en que eramos malas de Inma López Silva, Na casa da avoa de Marta Dacosta, Carlos Casares. Un contador de historias de Henrique Monteagudo, Máis aló do azul e do rosa de Ana Torres Jack, A galiña azul e Toribio e contador de contos de Carlos Casares, e Versos para conversar de Xoan Carlos Domínguez Alberte.
A Tabela dos libros déixanos nesta, a súa última entrega, grandes recomendacións e moi bo sabor de boca. Dende a Editorial Galaxia queremos agradecer a importante labor levada a cabo por Ramón Nicolás durante todo o tempo que durou esta sección tan necesaria do seu imprescindible Caderno da crítica. Seguiremos atentos ás súas lecturas!
 

Compartir na redes sociais: