Nordeste, a primeira novela de Daniel Asorey, moi recoñecida entre a crítica

Categoría: Nova

Dende que a novela de Daniel Asorey, Nordeste, está na rúa só recibe eloxios da crítica. Amais de convencer o xurado do Premio de Narrativa Breve Repsol, recibe as palabras eloxiosas da crítica. Hoxe no suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o crítico Ramón Nicolás fala desta estrea do autor na narrativa:
“Pode semellar certamente complexa a urdime desta novela, e talvez o sexa, mais Asorey condúcenos estas reviravoltas que viaxan no espazo e no tempo con habilidade e exquisitez exhibindo, ademais, un rexistro literario realmente envexable. Revélanse aquí códigos antigos, agroman vivencias e ideas que se proxectan na actualidade e dáselle voz a quen a tivo e a perdeu”.
A semana pasada era Mario Regueiro quen nas páxinas de Sermos Galiza publicaba “Canganceiros e República Galega”, unha recensión
“Cunha trama que engancha inmediatamente, aínda que adoeza dunha maior profundidade na construción dos personaxes, Asorey ensínanos que mesmo no máis fermoso dos soños latexan escondidos os pesadelos e que as vítimas non están libres de ser, algún día, verdugos. Tras situarnos nunha utopía galeguista, demóstrasenos que non todos os nosos problemas se resolverían cunha liberdade temperá e que as loitas transversais para acadar unha sociedade máis xusta estiveron (e están) sempre presentes”. Pódese ler a crítica completa aquí.
E se a crítica responde positivamente á novela, tamén o fai o público, que o pasado mércores ateigou a Libraría Couceiro de Compostela para escoitar a Daniel Asorey e para asinar o seu exemplar.

Compartir na redes sociais: