Najla Shami presenta o seu novo videoclip "Camiño Branco" en Santiago

Categoría: Nova

Najla Shami presenta o vindeiro venres 11 de outubro, no espazo Miramemira (Rúa do Home Santo 45) un novo videoclip que fai parte de "Na lingua que eu falo", a máis recente publicación da compositora galego-palestina. O libro-disco adicado a Rosalía de Castro ven de ser publicado este verán pola editorial Galaxia.
No acto participarán a cantante e o editor do libro, Francisco Castro e rematarémolo cun petisco.
Despois da estrea do clip "Negra Sombra" dirixido polo portugués Carlos Mendes Pereira e Punctum Audiovisuais, a cantante volta cunha segunda entrega de estética máis arriscada e que pon imaxes a Camiño Branco, outro dos poemas musicados en "Na lingua que eu falo" que pertence á obra "Follas Novas", da poeta padronesa Rosalía de Castro. Nesta ocasión Shami conta coa colaboración do escritor e artista sonoro brasileiro Márcio– André na dirección e co espazo de comunicación e intervención audiovisual Miramemira.
A gravación decorreu nos meses de verán en espazos emblemáticos de Compostela. A proposta de Márcio-André é arriscada e orixinal poñendo a capital galega do revés. Najla canta a Rosalía nunha atmosfera onírica, divertida e moi poética.
Márcio-André vén de presentar os seus dous últimos filmes como director, ‘Artaud em Compostela’ rodada nas rúas da cidade galega, e ‘Budapest symbiosis’ rodada na capital húngara.
Miramemira, produtora audiovisual especializada no ámbito cultural, vén de inaugurar o seu espazo expositivo, estudo independente adicado á arte contemporánea e aos medios audiovisiuais.

Compartir na redes sociais: