Publicada en colaboración coa plataforma Phottic, o primeiro volume da colección recolle fotografías da vila de Carballo entre 1900 e 1980
Carballo na memoria foi o título escollido para inaugurar a colección Daguerrotipos de Galaxia, un novo proxecto co que a Editorial pretende contribuír a salvagardar a memoria fotográfica de Galicia. Realizado en colaboración con Phottic, unha plataforma online cun amplo repositorio e arquivo histórico de fotografía galega, este primeiro volume céntrase na vila de Carballo e na súa historia entre 1900 e 1980, un amplo período de tempo onde, quen se achegue ao libro, poderá comprobar como os fotógrafos, profesionais e afeccionados, recolleron a transformación do lugar: urbanística, paisaxística, demográfica… Ao tempo que axudaron a preservar a memoria dos seus habitantes e o espírito dos lugares.