Murado presentou "O soño da febre"

Categoría: Nova

O novo libro de Miguel Anxo Murado chega logo de máis de seis anos desde a publicación da súa última obra narrativa. O soño da febre, que Editorial Galaxia publica na colección Literaria, parte dun episodio real da vida do autor e vai presentando unha galería de historias sorprendentes presididas pola pantasma da febre.

Miguel Anxo Murado, un dos escritores actuais con maior capacidade para contar historias, confirma a súa mestría de narrador neste novo libro. Trátase dunha experiencia de lectura baseada no pracer de escoitar historias, cun vencello especial co mundo do misterio, do onírico, dunha realidade que permanece oculta ata que a historia narrada a descobre. O pulo literario do que se alimenta Murado bebe na literatura popular, cun ricaz mundo imaxinario, e tamén en Fole e toda a tradición contística europea e americana (Poe, Hoffman, Maupassant, Schwob, Bierce, Nerval…).

Neste novo libro, que ten como protagonista a febre como metáfora da imaxinación, do soño, da literatura, Murado une entre si as once narracións co engado da historia principal, baseada nun feito autobiográfico, e percorre diferentes ámbitos e historias diversas. En O soño da febre está presente a Intifada palestina e a montaña luguesa, os contos de lobos e a historia dun artista en Roma, o destino funesto que trae consigo a posesión dunha xoia e o traxecto dunha moeda ata que vai parar á boca dun morto, o pasado que non abandona a un emigrante que volta do Brasil e a morte que agarda ao final dun duelo a pistola. Os once relatos xurdidos ao abeiro da febre constitúen o que poderiamos chamar a peculiar "ducia de Murado", un libro fascinante, que prende no lector e, coma o propio autor confesa, desprega "un mecanismo para enganar o cerebro e facerlle sentir unha experiencia como se fose real sen selo".

Compartir na redes sociais: