Miro Villar e Xosé Carlos Caneiro publican dous novos títulos infantís

Categoría: Nova

O mes das letras remata coa publicación de dous novos álbumes, en formato pequeno, da autoría de Miro Villar e Xosé Carlos Caneiro, autor que debuta como autor para este chanzo de idade. Nos próximos días chegarán ás librerías de todo o país 'A cobiza do verme Noel', de Miro Villar e 'O raposo Colabranca' de Xosé Carlos Caneiro.
En 'A cobiza do verme Noel' de Miro Villar e ilustrado por Marta Álvarez Miguéns a acción sitúase en Linguápolis, onde habitan uns vermes moi traballadores. Un deles, Noel, é especialmente cobizoso. Isto fará que ese mundo idílico comece a ter problemas.
Por outra banda, o poeta e narrador Xosé Carlos Caneiro debuta como autor de infantil con 'O raposo Colabranca', fermoso álbum ilustrado por Federico Fernández e que vén sendo unha interesante reflexión sobre o egoísmo e a tiranía da propia beleza, que nos volve insensibles aos problemas dos demais. Ata que as circunstancias, como tantas veces na vida, nos obrigan a esquecernos de nós propios para pensar, tamén, nos demais.
Dous títulos para os máis pequenos da casa que, como a boa literatura, servirá tamén para os maiores.

Compartir na redes sociais: