O plenario da Real Academia Galega decidiu que o Día das Letras Galegas 2018 sexa para a escritora María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 – Pontevedra, 2005). Na historia deste recoñecemento só figuraban tres mulleres homenaxeadas, a última María Mariño en 2007. Agora súmase María Victoria Moreno, licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en 1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra, establecéndose así en Galicia. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego, lingua na que escribe dende entón toda a súa obra literaria. Unha parte importante dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa novela Anagnórise, xa traducida ao castelán, obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu unha mención especial White Ravens 2002.
Amais de ter boa parte da súa obra na Editorial Galaxia, tamén estivo vinculada a nós porque en 1988, ano no que se crea a colección “Árbore”, ela é unha das súas directoras xunto a Antonio García Teijeiro e David Otero.
Sen dúbida a deste ano será outra gran festa para as nosas letras e unha oportunidade de achegarnos á literatura de María Victoria Moreno.