MARÍA FUMAÇA na FNAC da Coruña

Categoría: Nova

Este venres, ás 18:30 h, terá lugar na FNAC da Coruña a presentación deste proxecto literario e audiovisual, constituído por un libro máis un CD e un DVD que gravita arredor da festa e da felicidade, pero tamén arredor de Ruí, un cativo que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar. Por iso, os temas musicais insisten na festa e fan bo o lema que preside todo o traballo: ‘Cantar e bailar para ser máis feliz’. Ademais dos temas de música, nos que participa o máis importante da música galega, o dvd incorpora un mollo grande de clips, algúns deles con pictogramas, para que tamén quen necesita deste tipo de lectura poida gozala.
Estamos diante dun dos libro-discos máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Por moitos motivos. Por exemplo e como sinalabamos, pola nómina enorme de xentes da música galega que se uniron para cantar máis de vinte temas (cos seus correspondentes vídeos e karaoke) para celebrar a alegría de vivir. Mais tamén porque é unha defensa da vida fronte a discapacidade, que pode estar nos corpos pero nunca nas almas que queren gozar.
O proxecto María Fumaça gravita arredor de Ruí, un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-CD-DVD cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas.

Compartir na redes sociais: