Marcos Valcárcel, medalla Castelao

Categoría: Nova

Onte, a Xunta de Galicia deu a coñecer os nomes dos galardoados este ano coas prestixiosas medallas Castelao. Ademais de Tarsy Carballas, Fernando Diz-Lois, García Alén e Fernando Pérez-Barreiro, o historiador e divulgador Marcos Valcárcel, sen dúbida un dos máis importantes coñecedores da literatura galega, é outro dos merecentes deste importante galardón que se vén sumar a outros obtidos recentemente como os outorgados polo PEN Club ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Marcos Valcárcel é doutor en Xeografía e Historia e Catedrático de Historia e Literatura Galegas, e ten publicadas unha cantidade importante de obras arredor da cultura galega. Ademais, é moi de salientar o seu traballo a través da súa bitácora, referente para toda a blogosfera galega, As uvas na solaina.
No nomeamento, destacouse o seu talante aberto e dialogante e a súa dedicación vital ao mundo do coñecemento e a divulgación.

Compartir na redes sociais: