Marco Polo comezou a súa viaxe

Categoría: Nova

A carpa da Feira do Libro de Vigo quedou pequena para acoller a todo o público que onte se deu cita na presentación da nova obra de Francisco Castro, 'O segredo de Marco Polo'.
Abriu o acto o Coordinador de Produción e Edición de Galaxia, Xesús Domínguez Dono quen fixo unha rápida e precisa visitar ao currículo literario de Castro, a quen definiu como 'un dos referentes da literatura galega neste século XXI'. Na súa intervención falou tamén da intrahistoria da edición do libro, e do salto cualitativo que supuña esta nova publicación na traxectoria do autor.
De seguido, tomou a palabra a escritora Ledicia Costas, quen fixo unha análise pormenorizada, por unha banda, dalgúns dos libros anteriores do autor. No básico, insistiu en que de cada libro ao seguinte había sempre un intento por romper moldes á hora de asumir temáticas e formas de contar, o que lle permitía pasar da modernidade dun 'Spam', ao século XVI en 'As palabras da néboa', para logo escribir unha historia centrada no alzheimer pero para cativos.
Sobre 'O segredo de Marco Polo' comentou que a novela enganchaba dende a primeira liña e que a ela serviulle para 'ser Marco Polo e viaxar por Venecia'. Como logo suliñaría o propio autor, ademais de ser unha novela de aventuras e de viaxes e, no básico, unha fermosa historia de amor.
Rematou o acto coa intervenció do propio Castro, quen explicou a xénese da novela, como naceu a partir da lectura dunha reportaxe arredor do viaxeiro e a 'carraxe que me deu que non lle cresen a historia'. Segundo o seu criterio, ademais de tentar contar esa historia de amor, o gran reto era, ademais, conseguir contar as viaxes de Marco Polo dentro do relato.
A xornada, festiva, completouse no instante en que Francisco Castro se atreveu, incluso, a botar unhas coplas cantadas.
Marco Polo, na alameda viguesa, o xoves, botou a navegar.

Compartir na redes sociais: