Manuel Rivas, académico

Categoría: Nova

Nun acto multitudinario ao que acodiron representantes da cultura, da política, do cinema e, sobre todo, unha mestura plural de persoas que querían acompañar ao escritor na súa entrada na Academia Galega, o escritor Manuel Rivas leu o seu discurso de entrada titulado 'A boca da lingua'. Co seu ingreso, entra, dalgunha maneira, a Xeración dos 80 na Academia Galega, xeración que ten, en Manuel Rivas, o seu expoñente máis sobranceiro e internacional.
Na súa lectura, intensa, o escritor da Coruña realizou unha fermosa viaxe por persoas, paisaxes e historias, texto no que deixou clara a importancia da palabra para entender o mundo e, tamén, para salvalo. Falou, como non, do país noso, unha terra á que hai que renovar, dende a tradición, facéndoa nosa para que ninguén dende fóra veña a contarnos a historia que nós facemos e que nós queremos facer.
Dende a nosa web podedes ver, hoxe, unha miscelánea fotográfica que reflicte bastante ben a intensidade do sábado e a unanimidade, feliz, que arredor de O'Rivas se concentrou. No blog, moitas máis fotos.

Compartir na redes sociais: