Manuel Janeiro: 'Contar é un forma más intensa de vivir'

Categoría: Nova

1.- Que supón esta nova novela no conxunto da túa obra?
A verdade é que nunca o pensara, pero claro, a pregunta dáme a ocasión de facelo. Venme a mente o recorrido do tren que une Vigo con Madrid ao seu paso pola provincia de Zamora. Ese tramo cheo de túneles. Esta novela é, como o resto da miña obra publicada, una oportunidade de saír á luz. Non quero dicir con isto que teña unha percepción escura da propia existencia e que só coñeza a luminosidade cando alguén decide publicarme. A miña vida debe ser coma a de todos, un lugar de contrastes lumínicos, con tanta claridade como apagamentos. Quero dicir que nun continuum de escritura que va da adolescencia a idade madura só en contadas ocasión (sete ou oito veces) fun publicado. En parte creo que é culpa miña. Nas tarefas literarias hai dous traballos, un é escribir e outro defender a escrita. Iso que chaman mover o orixinal. Eu, en todo caso, podo ter algunha competencia no primeiro traballo, pero son rematadamente malo no segundo.
2.- A crítica ten sinalado a importancia do "compoñente xeracional" nesta novela. Era a túa intención, tamén, retratar a túa xeración?
Pois, sinceramente, non. A non ser que se diga que Experiencia de Martín Amis o as Sonatas de Valle-Inclán, por exemplo, son retratos xeracionais; se así fora, o meu "O Sexo masculino dos anxos" tamén o sería. De calquera xeito, e por suposto apreciando todo tipo de recepcións incluída a da crítica, non estou interesado nos retratos xeracionais. Se cadra ese retrato é un dano colateral da novela. Eu estou interesado nas persoas, non nas xeracións; da miña interésanme algúns dos seus membros, non o conxunto. Se teño que revelar algunha característica dos personaxes da miña obra é que non son suxeitos representativos dun corte da historia, non explícita e intencionadamente, ao menos. Se tiven algunha intención expresa no que concirne aos retratos foi referirme a un tipo de seres transxeracionais que a min me importan moito: os que non son heroes ou antiheroes, senón simplemente non-heroes. Non-heroes con maiúsculas, non-heroes heroicamente. A este respecto teño que dicir que contra o meu costume sinto agora a necesidade de defender aos personaxes desta novela; é dicir, poñerme do seu lado, algo que un autor non debe facer nunca, pero o fago. A min gústanme e gústanme moito. Están sendo tachados por algunhas recepcións, por outra banda intelixentes, de descomprometidos, esgazados, soñadores, fracasados, frustrados… e con todo, eu prefiroos. O mellor é que prefiro esa parte das xeración nas que está o fracaso que a parte na que está o éxito, tan frecuentemente acompañado de variopintas servidumes e vilezas.
3.- Ata o de agora, a túa produción literaria centrárase en obras, digamos, dun formato máis curto. Por que agora este salto á novela longa?
A miña muller di que se nota que son escritor porque sempre estou contando cousas. Esa debe ser a clave da miña vocación literaria, o descubrimento de que contar é un forma más intensa de vivir ou de vivir dúas veces ou de darlle outra oportunidade ao vivido ou de facer xustiza, pero non me gusta aburrir, por iso escollo sempre dunha forma intuitiva o formato máis breve posible para o que quero contar. "O sexo masculino dos anxos" non me coubo nun conto. Co poema pásame o mesmo, procuro resolvelo no número mínimo de versos. Neste sentido identificome con Stefan Zweig que tras toda una tarde de concentrado traballo no escritorio e preguntado por como lle fora respondeu: "Moi ben, logrei eliminar outro parágrafo enteiro".
4.- A ironía é un dos recursos que usas na narración. Tamén o humor. Por que?, son un reflexo de ti mesmo como persoa, como autor?
A traxedia é consustancial ao existir, non asumilo é optar, en termos heideggerianos, pola modalidade inauténtica da existencia; é dicir, por vivir fuxindo da morte. Con todo, optar pola existencia auténtica: ser para a morte, seguindo con Heidegger, e tremendamente doloroso, pero dispoñemos dun anestésico endóxeno, unha endorfina espiritual que se chama humor. Trátase, ademais, dun tipo de anestesia nada paralizante, todo o contrario, é euforizante e non aparva en absoluto, senón que produce xunto ao consolo certa lucidez.

Compartir na redes sociais: