O Centro Sociocultural de Fontiñas, en Compostela, acolle mañá sábado día 11 de abril ás 18h a presentación de Estamos no verán!!! Un acto literario – musical no que participarán, ademais dos artistas, Serxio Carreira, da Agrupación Cultural O Galo, e Francisco Castro, en representación da Editorial Galaxia. O acceso é libre ata completar aforo.
Estamos no verán!!! é a primeira novela-disco da literatura galega. Un libro emocionante e divertido, con texto de Charo Pita e música de Xoán Curiel, que deu lugar, tamén, a un enerxético espectáculo infantil que os rapaces e rapazas poden gozar bailando e cantando cos catro músicos, dous cantantes e unha bailarina do grupo estilos como funky, bossa nova, reagge, rock, pop, blues e moitos máis.
Premios da Música Independente
Este mércores, en Madrid, déronse a coñecer os traballos finalistas dos Premios da Música Independente. Na categoría de MELLOR ÁLBUM EN GALEGO, o traballo de Xoán Curiel, ESTAMOS NO VERÁN!!! é un dos traballos seleccionados. Logo da peneira do xurado profesional, é tempo agora do público que terá que votar e que pode facelo dende a ligazón que deixamos á dereita destas liñas.
Xoán Curiel terá que competir con outras prestixiosas candidaturas como son a de Guadi Galego ou Terbutalina entre outros. No resto das categorías, atopamos nomes importantes como Nacho Vegas, Novedades Carminha, Vetusta Morla, La Bien Querida, La Habitación Roja, Ruben Blades ou Kepa Junquera.