Máis follas de outono

Categoría: Nova

A semana pasada comezabamos a informar dalgunhas das novidades editoriais que Galaxia ten previstas para este derradeiro trimestre do ano. Falamos xa dabondo dos novos libros de Agustín Fernández Paz (Zeralda e o dragón), Xabier López López (Cando Artur non era rei) ou Santiago Lopo (Hora Zulú). No plano musical, dedicámoslle tamén espazo ao libro de Antón Seoane, 'De Voces Ceibes a Milladoiro'.
Pero vai haber moito máis neste outono literario que, aos poucos, vai deixando caer as follas literarias, titulos moi atractivos e variados (como variados son os gustos dos lectores e lectoras) como veremos de seguido.
Así, na colección LITERARIA, imos publicar, entre outros, CHÁMOME VERMELLO, de Orham Pamuk A Editorial Galaxia leva anos publicando a obra deste premio Nóbe e esta é a nova entrega na nosa lingua.
A política de traducións dos grandes clásicos contemporáneos é un dos selos de identidade do noso selo editor, polo que ao novo texto de Pamuk engadimos, MR GWYN, de Alessandro Baricco, un dos escritores italianos máis importantes da actualidade, con millóns de lectores en todo o mundo e que, dende hai anos, tamén se pode ler en galego nas nosas traducións.

Na colección LETRAS GALEGAS verá a luz VIDA E OBRA DE FRANCISCO AÑÓN, de Ramón Blanco. Moi probabilemente estamos diante da biografía definitiva de Francisco Añón que publicamos coincidindo co 200 aniversario do seu nacemento.

Na colección REPORTAXE está prevista a saída dunha HOMENAXE A CARLOS CASARES, de Rafael Laso No décimo aniversario do pasamento de quen foi director da Editorial Galaxia, publicamos un libro no que varias ducias de persoeiros galegos opinan sobre a vida e a obra do escritor e que completa un ano enteiro que lle dedicamos a quen foi director da nosa casa. Entre outras accións, puxemos en marcha o Blog Casares, que podes consultar dende esta web, a recuperación dos textos que no seu día se publicaron en GRIAL no instante en que ían saíndo os seus libros…

Para esta derradeira etapa do ano sairá do prelo A TERCEIRA ENTREGA DOS LIBROS DE COCIÑA DE ‘LARPEIROS’ DE BENIGNO CAMPOS Despois do éxito colleitado coas dúas primeiras entregas, o popular cociñeiro da Televisión de Galicia nos ofrece un novo mollo de receitas da súa creación que, coma sempre, van deixarnos o estómago e a alma contentos.

No eido intanfil sobrancearán obras como A VERDADEIRA HISTORIA DA MOSCA DA TELE, de María Solar, unha divertidísima historia escrita pola presentadora da Televisión de Galicia, arredor dunha mosca que goza meténdose nos programas de máis audiencia para amolar aos presentadores. Todo vai cambiar para ela cando, por accidente, termina atrapada dentro do sombreiro dun señor que marcha a Cuba. A VACA CANÍBAL, de Marilar Aleixandre, contén as reflexións dunha vaca sobre o mundo que a rodea. Un libro sorprendente que nos deleitará máis que moito.

Finalmente, na colección SONÁRBORE (LIBRO+CD+DVD) dirixida tamén ao público infantil, apostamos por dous produtos que están chamados, de novo, a se converter en estrelas editoriais do ano. Por unha banda, o esperado novo libro-disco-dvd de MAMÁ CABRA, que desta volta leva por título Bicos de Música. Será o terceiro traballo do popular grupo de música infantil coa nosa editorial. Neste caso dez cancións, acompañadas con CD e DVD, para seguir deleitando aos máis pequenos da casa.
E para este chanzo de idade, publicamos MARÍA FUMAÇA (con Uxía Senlle, Magín Blanco…), outro libro, CD e DVD cheo de temas moi divertidos, videos desternillantes e cancións pegadizas, para cantar en galego e subirnos a un tren de felicidade.

Compartir na redes sociais: