Máis aló do azul e do rosa: un libro imprescindible

Categoría: Nova

O libro de Ana Torres Jack segue colleitando boas críticas entre os lectores do país con Máis aló do azul e do rosa, unha guía práctica para previr dende a crianza a desigualdade de xénero e as conductas machistas.
O crítico Mario Regueira escribe en Sermos Galiza que “o que a autora nos ofrece é un libro que se aproxima máis ás guías que ao ensaio, fornecendo ferramentas que poidan funcionar na educación de crianzas e adolescente e na xestión de crises que poidan vir parellas a esta”, destacando así como “o título que mellor cumpre os propósitos dunha colección como a Biblioteca de Intervención Social/Didáctica de Galaxia”.
Pola súa banda, Ramón Nicolás destaca no Caderno da crítica que se trata de “un libro que debería estar en moitas casas, en moitos centros de ensino e en moitas bibliotecas pois á erradicación dun dos grandes males do noso tempo tamén axudan os libros coma este que educan e orientan desde as instancias da reflexión e da toma de partido”. Ademais de gabar a súa linguaxe “directa e sinxela”, Nicolás afonda tamén no seu interese “para calquera territorio educativo ou docente no que nos movamos” ademais do estrictamente doméstico.
Finalmente, dende o blog Lecturafilia, chaman a atención sobre a necesidade dun libro coma este, “que nos fai reflexionar arredor de acontecementos e situacións que cremos superadas pero que aínda se atopan á orde do día. Tal é o caso da división dos xoguetes e da roupa por cor entre nenos e nenas, do mal entendido amor romántico que deriva en control, ou da colaboración nas tarefas do fogar… Ana Torres Jack é moi clara, e vénnos dicir que a educación é o primeiro punteiro dende o que podemos cambiar a sociedade”.
Podes descargar ao completo a reseña no Sermo Galiza aquí.

Compartir na redes sociais: