Lembranza de María Vitoria Moreno

Categoría: Nova

"Onde o aire non era brisa" foi traducida por Xavier Senín, un dos seus grandes amigos, que tivo palabras especialmente sentidas de admiración e afecto para a escritora. Os profesores do instituto Torrente Ballester de Pontevedra, onde María Vitoria Moreno exerceu o ensino durante anos, dedicáronlle unha especial homenaxe, co gallo da publicación do seu derradeiro libro.
No acto participaron o director do centro, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, o editor Víctor F. Freixanes, o tradutor Xavier Senín e o escritor cubano, esposo de María Vitoria, Pedro Forriol.
O libro foi escrito inicialmente en castelán contra finais dos anos 60, cando María Vitoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941-Pontevedra, 2005) aínda non se incorporara ás letras galegas, lingua na que centrou toda a súa actividade como autora e como educadora, e na que publicou máis de 40 títulos, algúns deles especialmente celebrados pola crítica e os autores, como "Anagnórise", que figura na Lista de Honra do IBBY dende 1990, ou "Leonardo e os fontaneiros".
Pedro Forriol, o seu esposo, contou como descubriran xuntos a novela, nunha carpeta de capas amarelas, nos últimos meses de vida da autora, e como a foran recompoñendo xuntos, coa idea de poñela en galego, actividade que encomendou ao seu amigo Xavier Senín.
Escrita nunca lingua sinxela, eficaz, directa, aínda que chea de recursos líricos e expresivos, como é común á súa literatura, "Onde o aire non era brisa" narra a historia dunha mestra nova que chega a principios da década dos 60, en plena ditadura franquista, á Castela profunda, nunca pequena vila marcada pola inxustiza e a hipocrisía.

Compartir na redes sociais: