Lembranza de Cunqueiro en Buenos Aires

Categoría: Nova

Por primeira vez na Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires, ámbito da tradición republicana, "territorio liberado", en palabras do seu presidente Francisco Lores, falouse oficialmente da vida e obra de Álvaro Cunqueiro. "Ao que seu amigo Luis Seoane, non obstante, publicou e recoñeceu coma un dos nosos grandes escritores contemporáneos", engadiu o presidente da entidade.

Francisco López-Barxas, director xeral do Libro e Bibliotecas, Lorena Lores, cantante e actriz, Víctor F. Freixanes, editor de Cunqueiro e director de Editorial Galaxia, comisario da exposición itinerante "No niño novo do vento", Cándido Pazó, actor, e o citado Francisco Lores, presidente da FSG, participaron no acto conmemorativo do nacemento do escritor de Mondoñedo (Centenario de Álvaro Cunqueiro, 1911-2011), na sede dunha das máis significadas institucións da comunidade emigrante e o exilio.

Freixanes falou da obra de Cunqueiro e da súa significación por riba de ideoloxías e posicionamentos políticos. "A historia acaba deixando pousar sempre o mellor de cada un de nós, e o mellor de Cunqueiro é a súa fidelidade á lingua, a súa achega á literatura galega como parte da literatura universal, os seus personaxes e tipos humanos, o diálogo que soubo establecer entre a tradición galega e os grandes mitos da cultura de Occidente".

Cándido Pazó adiantou algunhas intervencións do seu monólogo teatral "Cunqueiradas", que presentará na Feira do Libro de Buenos Aires, nos actos conmemorativos do nacemento do escritor.

Entre o numeroso público que encheu o salón de conferencias da Federación estaban representantes das institucións galegas na emigración (Centro Galicia, Museo Galego da Emigración, asociación Os Gromos, Centro Galego, Colexio Apóstol Santiago, Fundación Galicia-América) e algunhas figuras da Galicia emigrante, entre eles Rosa Puente, filla de Manuel Puente, un dos grandes mecenas da colectividade galega e apoio económico de Castelao nos seus últimos anos.

Fotografías: Paula Sabajanes

Compartir na redes sociais: