Arredor de seiscentas persoas, co salón do auditorio do concello de Vila de Cruces cheo ata os topes, os veciños da vila, xunto cunha cumprida representación de autoridades e personalidades da cultura galega, homenaxearon a memoria da escritora Anisia Miranda, veciña de Gres, filla adoptiva do concello do Deza, e en homenaxe tamén á figura do seu home, Xosé Neira Vilas.
Anisia Miranda nacera en Cuba (Ciego de Ávila) en 1932, filla de emigrantes ourensans. Casada dende 1957 co autor de "Memorias dun neno labrego", a quen coñeceu na Arxentina e a través do cal entrou no galeguismo, ambos os dous residiron na Habana dende 1961 ata 1992, comprometidos cos revolución cunaba. En 1992 que regresaron definitivamente a Galicia e instaláronse na aldea de Gres, terra natal de Neira Vilas, onde crearon unha fundación, biblioteca e centro de actividades culturais orientado preferentemente á mocidade rural. O falecemento da escritora, o pasado 23 de outubro de 2009, deixou unha forte pegada emocional entre os amigos do libro galego.
A obra de Anisia Miranda desenvolveuse en castelán e en galego, con atención especial aos lectores e as lectores máis novos (os rapaces). Unha representación de pequenos e pequenas, seareiros da biblioteca de Gres, participou na homenaxe, na que falaron tamén os escritores Marica Campo e Víctor F. Freixanes (director xeral de Editorial Galaxia), xunto con Francisco López Barxa, director xeral de Promoción e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luis Raimóndez, secretario da Fundación Neira Vilas, o alcalde de Vila de Cruces, Xesús Otero Varela, e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán. Tamén actuaron o grupo A Quenlla, o tenor Cesáreo Torres e a coral Voces da Terra.
Nunhas sentidas palabras, Neira Vilas agradeceu aos presentes a presenza no acto, certamente multitudinario, e lembrou con admiración e agarimo o labor e a memoria da escritora, querida polos veciños e compañeira durante máis de cincuenta anos, dende os primeiros días en Buenos Aires. "Anduriña, que viñeches ficar entre nós para sempre".