Entrou solemnemente no salón da rúa Tabernas acompañado dos académicos Ramón Villares Paz e Darío Xohán Cabana. O profesor Antón Santamarina encargouse de responder a súa intervención, que versou sobre a figura e o sorriso de Daniel no pórtico da catedral compostelana e as súas referencias noutras representacións e simboloxías dentro da cultura occidental.
John Rutherford (Saint Albans, Inglaterra, 1941), profesor do Queen’s College de Oxford (onde preside o Centro de Estudos Galegos), estudoso da literatura da revolución mexicana e da picaresca española, tradutor á lingua inglesa de Cervantes e de Leopoldo Alas Clarín, mais tamén de Méndez Ferrín e de Castelao, animador e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos (1985), mestre de galeguistas británicos, incopórase á institución académica como membro de honra.
A súa relación con Galicia, principalmente coa vila de Ribadeo, vén de vello, cando visitou por primeira vez estas terras, en sendo estudante universitario, con 17 anos. Aquí casou e mantivo as súas raiceiras galegas. "Case todo o que me sucedeu na vida foi grazas a Galicia", manifestou máis dunha vez.
En 2004 publicou As frechas de ouro, novela en lingua galega na que recrea o Camiño de Santiago e en certa maneira a súa incorporación emocional e intelectual á cultura galega, e no ano 2007 recibiu o Premio Trasalba. No libro de homenaxe que a Fundación Otero Pedrayo publicou daquela vén unha ampla referencia biográfica e bibliográfica do profesor Rutherford, "inglés de berce e galego de adopción". A súa vida e a súa obra son un exemplo práctico de cómo é posible concibir un galeguismo en diálogo permanente con outras culturas.