Inauguramos o Ano Cunqueiro en Mondoñedo

Categoría: Nova

Promovida pola Fundación Penzol e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, e en colaboración co Concello de Mondoñedo, inaugurouse na vila mindoniense, patria de Álvaro Cunqueiro, a exposición itinerante "No niño novo do vento", homenaxe ao escritor galego que comisariaron María Liñeira e Víctor F. Freixanes.
Son 16 paneis, oito vitrinas, pantallas de plasma, terminais de Internet e programas informáticos para percorrer a vida e obra dun dos nosos grandes autores contemporáneos, de quen este ano celebramos o centenario do seu nacemento. O escenógrafo Rodrigo Roel preparou un espazo teatral no que se recrea o escritorio de Cunqueiro, cos seus papeis, algúns dos seus libros e obxectos persoais, manuscritos, máquina de escribir, cadeira e mazás, moitas mazás, ciscadas pola mesa o chan e as cadeiras, tal como o autor de "Merlín e familia" gustaba.
"As mazás de Mondoñedo acompañáronme sempre", explicaba o autor en vida. "Necesitaba telas ao meu carón, sentir o seu arrecendo para empezar a escribir. Sen o arrecendo das mazás non me viñan as palabras".
As figuras a tamaño natural do mago Merlín e de Felipe de Amancia , protagonistas do libro que inaugura a narrativa de Álvaro Cunqueiro logo da guerra civil, presiden o espazo escénico.
A exposición viaxará polas cidades de Santiago de Compostela (25 de maio), Ourense, Lugo, Ferrol, Pontevedra, A Coruña e Vigo. Rematará nos locais da Casa da Cultura viguesa, sede da Fundación Penzol, entidade da que procede a meirande parte dos fondos que se expoñen. Existe a posibilidade mesmo de mover copias da mesma a Bruxelas e outras cidades fóra de Galicia e en América, promovida polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Cervantes e o Instituto Camoens.
Trátase dun importante esforzo de divulgación que acompañará os distintos actos que, ao longo deste ano, están previstos para a difusión da obra do escritor mindoniense. Na mostra preséntanse orixinais, correspondencia, retallos de prensa, traducións da obra cunqueiriana a outros idiomas, detalles de representacións teatrais, reportaxes de televisión, producións audiovisuais, ilustracións e debuxos, así como unha descarga de documentación arredor da vida, obra e textos do escritor pensada principalmente para centros escolares.

Compartir na redes sociais: