Inaugurado o gabinete de Ramón Piñeiro

Categoría: Nova

Desde hoxe xoves, na Casa Galega da Cultura, sede da Fundación Penzol, grande impulsora deste proxecto, xa é posible visitar a reconstrución do gabinete de Ramón Piñeiro. Nun fermoso e emotivo acto, quedou aberta a recreación da famosa habitación da rúa Xelmírez 15 na que tantas xeracións se formaron no espírito e conciencia de Galicia da man dun dos homes que, en verbas de Carlos Casares reproducidas no espazo didáctico anexo, "máis fixo por Galicia con menos medios".
O acto comezou coa intervención, en nome da Fundación Penzol, de Alfonso Zulueta de Haz, quen ofreceu un discurso cargado de emotividade e, sobre todo, de recoñecemento xa non só para Ramón Piñeiro senón para toda a xeración que representan Piñeiro pero tamén Francisco Fernández del Riego ou Xaime Isla. Explicou, e a súa sensación foi refrendada durante a xornada por todos os presentes, que o realismo con que fora reproducido aquel gabinete supuña un feito de grande valor para Galicia.
Despois, Henrique Monteagudo, un dos directores do proxecto, reflexionou arredor do significado que aquel gabinete tivera para moitos que, coma el, tiveron a fortuna de frecuentalo. Ao mesmo tempo, deixou constancia da súa emoción pola reconstrución. Lembrou como para moitos mozos e mozas universitarios, o trato con Ramón Piñeiro significou unha especie de "universidade paralela" na que poder aprender "o que foi, o que era e o que debería ser este país".
O momento álxido do acto chegou co discurso, cheo de paixón e lucidez, de Francisco Fernández del Riego, quen, despois de dicir que el falaba "en nome dunha xeración", fixo un longo percorrido por sesenta anos de historia do noso país, na compaña de Ramón Piñeiro e de outros homes e mulleres sen os que, sen dúbida, non poderiamos hoxe en día falar de cultura galega. Explicou como "naqueles tempos tormentosos, escuros", un grupo de mozos, "coa idea de servir só a Galicia, tivemos a idea de montar unha editorial, Galaxia, para mellor coidar da cultura do noso pobo". Desde o primeiro momento, lembrou don Paco, Ramón Piñeiro se sumou con paixón á iniciativa. Nas súas palabras foi explicándolle a todos os asistentes a loita dura que houbo que librar para conseguir que a cultura de Galicia, "sometida a un esnaquizamento brutal" non esmorecese para sempre.
Tralas súas palabras, o público asistente agasallou a Francisco Fernández del Riego cun caloroso aplauso, emocionado e emocionante, que sen dúbida simbolizaba o agradecemento e a gratitude que todos temos con esa xeración de homes valentes que se puxeron á disposición do país sen pedir nada en troques.
Pechou o acto Xesús López Carreira, concelleiro de Cultura en Vigo, quen sinalou que "nestes tempos difíciles de ataque á lingua, é moi importante abrir este gabinete na Casa Galega da Cultura". Falou tamén do entusiasmo co que desde o Concello se asumira a colaboración nunha idea tan fermosa.
Finalemente, o tenente de alcade do Concello de Vigo, Santiago Domínguez Olveira, despois de se referir, agarimosamente a Francisco Fernández del Riego como "o mozo máis célebre que temos en Vigo", tirou man das palabras do propio Piñeiro para lembrar que se somos un pobo é porque temos unha lingua de seu.
Paseniñamente, todos os asistentes foron entrando no gabinete, agora xa para sempre espazo aberto a todas e todos os que queiran visitalo e, dalgunha maneira, enchouparse da sabedoría que sempre destilou.
A reconstrución do gabinete complétase cun espazo anexo de corte didáctico con imaxes e paneis explicativos referidos á obra e vida de Ramón Piñeiro.

Compartir na redes sociais: