A Casa da Parra de Santiago de Compostela acolle ata o vindeiro 26 de xuño a exposición itinerante "No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro, 1911-2011", coa que se conmemora o centenario do nacemento do escritor mindoniense mediante a mostra de todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais, manuscritos e primeiras edicións das súas principais obras. O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu onte a presentación desta iniciativa que promoven a Xunta de Galicia, a Fundación Penzol e Editorial Galaxia baixo o comisariado de María Liñeira e Víctor F. Freixanes. Ao acto asistiron ademais o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes; e o representante da Fundación Penzol, Henrique Monteagudo.
"No niño novo do vento" estrutúrase en cinco grandes apartados, que describen o universo cunqueirano a través de elementos tan íntimos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración biográfica no seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais de grande valor tanto emocional como patrimonial. Un espazo audiovisual reproduce en vídeo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais; e dous computadores con pantallas interactivas permiten a consulta de datos, fotos e bibliografía. Editouse así mesmo, como material complementario, un catálogo sobre os contidos da exposición.
Cun afán eminentemente didáctico e accesible para todos os públicos, a exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes nos que se fai un percorrido pola vida e a obra de Álvaro Cunqueiro. En 8 vitrinas preséntase unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena compilación dos seus artigos xornalísticos, e unha escolma de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria. Entre os obxectos que se poden atopar figuran galardóns, diplomas, os seus carnés de identidade e de xornalista, postais, correspondencia recibida dos seus amigos, axendas privadas, medallas, condecoracións, etc.
A parte máis identificativa da mostra é o espazo escenográfico realizado por Rodrigo Roel, que reproduce o estudio no que traballaba Cunqueiro nos anos 50 no seu Mondoñedo natal. Trátase de transmitir un efecto de intimidade dentro do ambiente de creación do escritor nunha das súas épocas máis produtivas, ao que contribúen as cartas a Paco del Riego ou os orixinais de Merlín e familia que pousan na mesa a carón da súa máquina de escribir. Tamén, diante do escritorio, están as figuras, en volume e a tamaño natural, de Merlín e Felipe de Amancia, dous dos seus personaxes máis populares.
"No niño novo do vento" inaugurouse o pasado 15 de abril no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo e, despois da súa estadía en Compostela, ten previsto visitar ao longo deste ano Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ferrol, para acabar o seu percorrido en Vigo cunha instalación que ocupará a Fundación Penzol a finais de decembro.
Na Casa da Parra, a exposición, de acceso gratuíto, poderá ser visitada ata o 26 de xuño, de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.