Hoxe celébrase o Día das Librerías, un acontecemento que serve para lembrarnos a existencia dunhas tendas moi especial, duns lugares onde se venden soños, versos lindos, historias que nos enganchan, sabedoría, lecer e entretemento. Lugares de luz que non deben esmorecer. Na nosa man está que non esmorezan.
Co gallo da xornada, abrirán ata as dez da noite e, en moitas delas, celebraranse actos culturais diversos, dende contacontos para achegar aos máis cativos á librería, a lecturas públicas a cargo de escritoras e escritores en lingua galega. Ao tempo, anúnciase durante a xornada un desconto dun cinco por cento no prezo dos libros.
A xornada debe servir para darlles azos a un sector que soporta, probablemente, unha das cargas máis difíciles de levar de toda a industria cultural. Pero sen o seu concurso, sen o seu traballo, a nosa vida sería moito peor e dende logo, a maxia de que o que un día saiu da cabeza dun autor ou dunha autora, que chegue a outro corazón convertido en libro, non sería posible sen elas, as librerías.
Hoxe é o seu día.
Pero que o sexa tamén, co apoio do público lector, o resto do ano.
Feliz xornada para todas e para todos.