Hoxe, nun acto de colaboración entre a concellería de cultura de Nigrán e a Editorial Galaxia, arranca unha actividade que vai permitir a case que 800 escolares galegos ter un encontro co escritor Domingo Villar quen os levará a visitar os escenarios reais nos que está ambientada a súa novela 'A praia dos afogados'. Unha actividade que pretende que todos gocen da literatura nun escenario, dende todos os puntos de vista, totalmente de novela.
O roteiro céntrase en catro lugares fundamentais da novela de Domingo Villar. O roteiro iníciase no Templo Votivo do arquitecto Antonio Palacios. Despois, subida a Monteferro para, acto seguido, visitar a Praia da Madorra para rematar no porto pesqueiro. Como lugar de descanso, o pavillón servirá de punto de encontro e de convivencia entre todos os participantes, estudantes, profesorado, Domingo Villar e o equipo de apoio da Editorial Galaxia.
Estamos certos de que vai ser unha actividade máis que interesante para todos e que ao inspector Leo Caldas, sen dúbida, tamén lle gustaría participar.