Rodeado de amigos e de autoridades, así como do cariño dos veciños de Ribadavia, o profesor Alonso Montero recibiu o pasado sábado un multitudinario homenaxe na súa vila de adopción. A corporación municipal acordou por unanimidade concederlle o título de fillo adoptivo. Alonso Montero naceu en Vigo, pero dende os 9 anmos ata a final do bacharelato viviu "descubrín a vida" nas terras do Ribeiro, "que é a miña pequena patria".
O gaiteiro Carlos Núñez cerrou o acto invitando ao profesor a subir ao escenario e tocar con el. A gaita e o pandeiro, interpretando A Rianxeira acompañaron o final dunha xornada especialmente emocionante, antes de que o grupo de gaitas de Ribadavia interpretase o Himno Galego..
Era o recoñecemento a toda unha vida, nas vésperas do seu 84 cumpreanos. Aínda que non é o primeiro premio nin a primeira distinción que recibe Xesús Alonso Montero, segundo as súas propias palabras, "ningún tan emocionante, ningún tan profundamente sentido". Xosé Carlos Sierra encargouse da laudatio, salientando a dimensión intelectual e o compromiso social do profesor. Moitos dos seus alumnos, tanto dos seus anos de secundaria en Lugo (Fernando Salgado, Xesús Rábade Paredes, Arturo Reguera), como alumnos da Facultade de Filoloxía (Inma López Silva) ou compañeiros de xeración (Xosé Luis Franco Grande) participaron nas intervencións. A través do video, falaron Julio Anguita, Armando López Salinas, Fina Casalderrey, Basilio Losada, Marina Mayoral….
O acto centrábase no lema "Alonso Montero. Militante da palabra" e o profesor falou dos seus primeiros anos no Ribeiro, na aldea de Ventosela, de onde era a súa familia, lembrando aos seus tíos, aos seus veciños, o primeiro contacto vivo coa lingua, o primeiro amor ás palabras "que caracterizou e marcou toda a miña vida" e o coñecemento e a solidariedade cos máis humildes, os traballadores da terra, "que viron asulagadas as veigas cando a construción do encoro de Castrelo de Miño" nos anos 60. "Alí estaba tamén a miña casa".
Toda unha vida dedicada á docencia, á investigación, ao estudo da lingua, á sociolinguística, á edición dos clásicos, sen renunciar ao compromiso civil, vencellado dende os primeiros anos 60 ao Partido Comunista… Representacións da Real Academia Galega, das tres universidades de Galicia, da Xunta (Conselleiro de Educación e Cultura), editores, escritores, profesores, veciños da vila do Ribeiro aclamaron ao seu profesor, en palabras de Basilio Losada "un dos grandes intelectuais do noso tempo, un deses homes que Bertot Brecht definía como imprescindibles".