Este sábado, ás 13 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, o escritor Paco Martín recibirá a homenaxe do Salón do Libro. Sen dúbida, unha homenaxe máis que merecida ao autor de 'Das cousas de Ramón Lamote', libro polo que recibiría o Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Cultura, sendo o primeiro dos nosos autores de LIX que o conseguiu.
Este libro deu lugar a que se fale, no noso sistema literario, da Xeración Lamote, que comprendería a todos aqueles autores e autoras que viñeron, abeirados a Lamote-Martín, a engrandecer o panorama, tanto en libros como en temáticas, pero sobre todo en calidades, da nosa literatura pensada para os máis pequenos da casa.
A homenaxe a Paco Martín deste sábado é tamén, por conseguinte, a homenaxe a todo ese mollo de escritores e escritoras, encabezabas polo propio Martín e nomes como os de Fina Casalderrey ou Agustín Fernández Paz que, dende hai décadas, levan facendo soñar a miles de nenos e nenas do noso país.