Homenaxe a Beiras

Categoría: Nova

Arredor de mil persoas participaron o pasado sábado na homenaxe a Xosé Manuel Beiras ("Á beira de Beiras") no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. A continuación celebrouse un Xantar de Amizade no mesmo auditorio ao que acudiron unhas trescentas persoas.
"Acepto esta homenaxe a condición de que o entendamos coma o espello dunha xeración", explicou o homenaxeado na súa intervención. "A xeración dos mozos que nos incorporamos á loita democrática e ao galeguismo na década dos 50 e que nos considerabamos herdeiros da tradición da xeración Nós, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista da Segunda República… Herdeiros da tradición porque non hai avangarda sen tradición. Somos o resultado da sementeira que outros fixeron antes ca nós".
Dende os afectos, a admiración e o agradecemento, tal como se explica no libro "Á beira de Beiras", editado por Galaxia -da man de Valentín Arias, Manuel Caamaño e Víctor F. Freixanes-, os asistentes seguiron as distintas intervencións de músicos e intelectuais galeguistas: Manuel Caamaño, que fixo a laudatio de Xosé Manuel Beiras, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Nando e Roi Casal de "Milladoiro", Luis Soto e Diego García, o pianista Javier Vázquez Grela que interpretou unha escolma das "Variacións Beiras" do compositor Paulino Pereiro…
"Vivimos tempos de demolición e derribo, ás veces mesmo dende as propias institucións desta precaria autonomía que tanto custou lograr, pero o nacionalismo galego pervivirá e sobrevivirá ás crises, porque por riba das organizacións e das circunstancias está a vontade do pobo, o pulo dos homes e mulleres que queren que Galicia teña voz e un sitio na historia", arengou o homenaxeado.
"Estamos no final dun ciclo, pero non no final da historia, que continúa. Haberá que revisar modelos. Haberá que traballar novas ideas e animar novos esforzos. Estarei convosco mentres me quede alento. Nunca desfalacerei".
A homenaxe naceu dun grupo de amigos "sen máis compromiso nin vontade que o recoñecemento á biografía dunha personalidade que marcou varias xeracións de galegos e segue a ser referencia fundamental na nosa identidade colectiva", explicaron os organizadores. "Non é unha homenaxe contra ninguén, senón para sumar, porque hai moitos máis vimbios dos que parece para facer o cesto".
O próximo ano cumpriranse 40 anos da primeira edición de "O atraso económico de Galicia" de Xosé Manuel Beiras (Galaxia, 1972), obra fundamental no pensamento galeguista do século XX.
No libro "Á beira de Beiras. Homenaxe Nacional" participan con ensaios sobre Galicia intelectuais moi diversos do galeguismo e o nacionalismo galego: Salomé Álvarez Blanco, Xosé María Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara, Luis Álvarez Pousa, Aureli Argemí, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luis Barreiro Rivas, Justo Beramendi, Fermín Bouza, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco Fernández Rei, Eduardo Galeano, Manuel Gallego Jorreto, María Pilar García Negro, Fernando González Laxe, Margarita Ledo Andión, Xoán López Facal, Abel López Rodríguez, Ramón Máiz, Carlos Mella, X. L. Méndez Ferrín, Teresa Moure, Camilo Nogueira, Martiño Noriega, Mario Orjales Pita, César Portela, Xulio Ríos, Enrique Sáez Ponte, Manuel Santos, Carlos Taibo, Xavier Vence e Ramón Villares.

Compartir na redes sociais: