Onte informabamos de que viña de sair do prelo a viséxima edición en galego de 'O Principiño', obra que na editorial Galaxia publicamos no ano 1972 en tradución de Carlos Casares.
Co gallo deste acontecemento a Editorial Galaxia bota a andar un concurso en twitter que pretende animar aos internautas, a través desa rede social, a elaborar un breve texto que explique por que lles gusta 'O Principiño'.
A través do hastag #gustameoprincipiñopor todas e todos os que o desexen poderán participar no certame en rede dende hoxe mesmo ata o vindeiro 7 de febreiro (dúas semanas en total), completando os 140 caracteres que nos permitirán saber que é o que nos gusta desta obra inmorrente. Entre todos os participantes elixiremos o mellor texto que levará como premio unha edición en tapa dura da obra de Saint-Exupèry así como un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor do libro e coleccionista de edicións en distintas linguas da obra.
Ánimo a todas e a todos. Contádenos por que vos gusta 'O Principiño'.