GRIAL conmemora os primeiros pasos da radio en Galicia

Categoría: Nova

As primeiras emisións de Unión Radio Galicia escomenzaron arredor do 15 de xaneiro dese ano. Disque Antón Fraguas foi o seu primeiro locutor de continuidade, locutor afeccionado e espontáneo, en período de probas, e que o primeiro sinal foi un poema de Fermín Bouza-Brey, segundo gostaba de explicar don Antón, xunto coas badaladas da catedral.

A primeira empresa radiofónica naceu moi vencellada ás iniciativas da Asemblea Local Compostelana a Prol do Estatuto de Autonomía de Galicia, que viña realizando os seus traballos dende 1932. Os enxeñeiros de Unión Radio entraron en contacto coa devandita asemblea, especialmente promovida polos galeguistas, e iniciaropn os traballos da emisora, que contou cunha ampla nómina de escritores, intelectuais e políticos da época, dende Castelao e Alexandre Bóveda ao propio Fraguas, Manuel Beiras García, Lois Tobío, Lino Torre, Luis Iglesias, persoas vencelladas moitas delas ao Seminario de Estudos Galegos, ou Mosquera Pérez, chamado o Vello dos Contos, acaso a primeira gran figura verdadeiramente popular da radiodifusión en Galicia.

A partir desa data aparecen as primeiras emisoras, dentro do marco lexislativo que permite a Segunda Repúiblica: en marzo de 1934 Radio Coruña e Radio Pontevedra, en abril Radio Vigo, en 1935 Radio Ourense e Radio Lugo. Aínda que as empresas nacen en castelán, a lingua galega estaba presente nelas, tanto na retransmisión de actividades políticas (moi especialmente arredor da campaña do Estatuto en 1936) como con emisións de teatro radiado, conferencias, consellos para o campo, aviñidas para os nenos, música popular, etc. "A fiestra valdeira" de Rafael Dieste e "Sinxebra" de Cotarelo Valledor, por exemplo, foron versionadas para o radio-teatro entre 1934 e 1936, en Radio Pontevedra, da man dos grupos de Labor Galega.

Dos principios da radio (e mesmo da presenza da lingua galega neses principios) falará o próximo número da revista GRIAL, con colaboracións específicas de Xosé Soengas, Mónica Rebolo, Arturo Maneiro e Víctor F. Freixanes entre outros.

Compartir na redes sociais: